Queremos convidarvos á xornada de presentación de resultados do proxecto Plataforma ODS, que terá lugar o venres 16 de outubro ás 16:00 h na Casa das Campás (Pontevedra).Plataforma ODS (odslocal.es (external link)) é un proxecto de ciencia aberta impulsado polo Post-Growth Innovation Lab da Universidade de Vigo e financiado polo Ministerio de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030. Esta plataforma está deseñada para reunir datos oficiais sobre o avance dos 8.131 municipios de España cara aos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible mediante un mapa interactivo, indicadores comparables e datos abertos.
No encontro daremos a coñecer as accións impulsadas no marco do proxecto, e as funcionalidades e resultados acadados coa plataforma. Ademais, presentaranse as recomendacións resultantes do traballo realizado polo Comité Cidadán polo Clima, un grupo de traballo creado no marco do proxecto e integrado por representantes da cidadanía de Pontevedra que, ao longo de varios meses, traballou de forma colaborativa para definir posibles accións, relacionadas co consumo alimentario, que o Concello de Pontevedra poida ter en conta nas súas políticas de cara a reducir a pegada de carbono na cidade.
O encontro concluirá cunha mesa redonda na que falaremos sobre a conexión entre as asembleas cidadás e as decisións das administracións públicas, e ao rematar o evento compartiremos uns petiscos con todas as persoas asistentes.
A asistencia é aberta e gratuíta pero é imprescindible realizar inscrición previa, ata o 13 de outubro, a través deste formulario (external link)
Detalles do evento:
- Data: 16 de outubro de 2026
- Hora: 16:00 h (recepción desde as 15:45 h)
- Lugar: Casa das Campás, Pontevedra
- Inscrición (ata o 13 de outubro): https://forms.cloud.microsoft/e/4pYzviwcnR?origin=lprLink (external link)
Contamos con vós!
Otros eventos
Presentación pública da PLATAFORMA ODS
Convite para asistir á Presentación pública da PLATAFORMA ODS